xoves, 6 de xuño de 2013

arthur e george, análise

Arthur & George é un díptico que enfronta a vida de dous contemporáneos cuxas vidas se cruzaron fugazmente malia a súa natural diverxencia. George é un xove avogado de orixe india que, na Inglaterra eduardiana de principios do século XX, é acusado, xulgado e condenado por rachar o ventre e causar a morte de varios animais nun condado rural. O seu carácter reservado, as súas escasas dotes para a comunicación humana, a súa orixe racial e o seu exclusivo interese polo mundo do dereito, desprezando outras afeccións máis mundanas como as mulleres ou o alcohol, convérteno nun espécime estraño, unha rareza nunha comunicade intransixente e disposta a atribuírlle calquera iniquidade por non querer ser un máis.

Arthur é, naturalmente, o grande escritor Conan Doyle cuxa infancia se viu influída por unha educación centrada nos elevados principios morais da Vella Inglaterra segundo os cales o exercicio de deportes físicos servía para temperar as tentacións da carne, fumar diante dunha dama era considerado unha absoluta grosaría e a honra propia estaba por enriba de calquera outra cuestión terreal. Malia que na súa infancia coñeceu a pobreza relativa como consecuencia da conduta errática e bohemia de seu pai -o que obrigou á súa pobre e adorada nai a sacar adiante á súa parentela- logrou abrirse camiño, primeiro como médico, posteriormente como oftalmólogo e, finalmente, dado que a escaseza de clientes lle permitía escribir no seu despacho profesional, como autor de éxito.

É coñecida a aversión que Conan Doyle acabou por desenvolver por Sherlock Holmes, a quen matou e posteriormente resucitou ante os rogos do seu público (e da súa propia nai). Arthur sempre preferiu as súas novelas medievais nas que o ideal cabaleiresco era a esencia. Precisamente ese ideal é o que lle levou ao longo da súa vida a consagrar os seus esforzos a diversas causas que consideraba xustas. Así, organizou numerosas colectas a favor de desvalidos que chamaban a súa atención por calquera motivo -por exemplo o gañador do maratón das olimpíadas de Londres descualificado por ser axudado a levantarse a poucos metros da meta-, manifestouse en contra do sufraxio feminino, tomou partido pola maioría de asuntos públicos da Inglaterra da súa época e interviu activamente en diversos casos xudiciais.

Nesta última faceta é onde se cruzan fugazmente as vidas destes dous homes. Arthur Conan Doyle investigou, escribiu artigos, promoveu unha comisión do goberno e logrou, finalmente, a anulación da sentenza que condenaba a sete anos de traballos forzados ao bo de George Edalji, incapaz, por outra banda, de achegarse a unha vaca, non digamos xa de abrirlle o bandullo.

A primeira vista poderíase establecer unha relación natural entre os labores "reais" de investigador xusticeiro de Conan doyle e as "ficticias" da súa creación literaria. Non obstante, e a diferenza do que sinalan facilonamente a maioría das críticas que se publicaron deste libro, creo que a orixe deste impulso está máis relacionada co carácter de desfacedor de agravios, case quixotesco, propio dos seus ideais elevados. O seu interese era limpar a vergoña que sentía como inglés polo estrepitoso fracaso que a administración pública (policía, xuíces, xurado popular e políticos) xogara neste episodio. De feito, a partir deste suceso, e coa fin de previr inxustizas similares creáronse os Tribunais de Apelación.

Sen dúbida, e malia que o título parece mostrarnos a dous personaxes en igualdade de condicións, o libro xira inevitablemente en torno á vida de Conan Doyle, non só por ser máis coñecida, senón porque o seu carácter, a súa infinita enerxía, a súa concepción da honra e a visión que de si mesmo tiña (non precisamente modesta) son un poderoso imán ao que Barnes sabe sacar un brillo especial, que o fai aínda máis atrainte.

Non obstante, e a un nivel puramente literario, é a recreación da vida de George Edalji, como se constrúe ante os nosos ollos asombrados a personalidade e o esbozo dos seus pensamentos máis íntimos, o que da a medida do enorme talento de Julian Barnes. O autor sabe tomar unha historia real e trocala, máis alá da pura anécdota, nun territorio literario propio. Mediante un estilo enganosamente sinxelo (apenas parece advertirse o traballo do autor) e con precisión aritmética, debúllasenos en paralelo o curso da vida destes dous homes exemplificando dúas formas de entender a vida e afrontar os seus desafíos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario