martes, 18 de xuño de 2013

pan con xamón, resumo e comentario

Charles Bukowski
Pan con xamón é unha novela autobiográfica escrita polo estadounidense Charles Bukowski na que o protagonista, Henry Chinaski, un rapaz solitario que vive coa súa familia de orixe alemá en Los Angeles, relata en primeira persoa a súa desastrosa e dolorosa vida dende os dous ata os vinte e un anos; máis exactamente, dende 1922 ata o sete de decembro de 1941, xusto o día no que tivo lugar o ataque por parte da Mariña xaponesa a «Pearl Harbor», a base naval dos Estados Unidos situada en Hawai. Ao longo das páxinas das que se compón o libro, asistimos á narración da crueldade e do desamparo do mundo que rodea a Henry, o cal dende cativo sufriu o maltrato do pai, a submisión da nai, a falta de afecto por parte de ambos e a marxinación do resto de rapaces, algo que o vai marcar de por vida. Vítima, ademais, dunha sociedade totalmente desfeita tras a caída da bolsa nos Estados Unidos en 1929, a cal orixinou unha profunda crise económica que se prolongou ata o inicio da Segunda Guerra Mundial, Henry sobrevive como pode, resignado e destrozado, incomprendido e desamparado, pelexando co resto e consigo mesmo.

A través dunha narración que reflicte unha fala coloquial, composta por frases curtas e taxantes, Bukowski recrea a súa infancia, adolescencia e xuventude nas trescentas corenta páxinas das que se compón a novela da man do seu alter ego, Henry Chinaski, un personaxe recorrente que aparece de novo como protagonista dunha das súas obras. Como podemos ver no fragmento escollido, a linguaxe vulgar, a violencia e a dor son tres das principais características que de forma máis evidente podemos apreciar nesta parte da novela, os cales son, ademais, os tres trazos fundamentais arredor dos que xira a obra en si mesma. Achegámonos neste capítulo vinte e un ao comezo de Chinaski na educación secundaria, o cal coincide cunha etapa tan turbulenta como pode ser a adolescencia, durante a cal o máis importante é a supervivencia e a descuberta. Neste fragmento vemos, por un lado, que esa primeira persoa que fala leva unha vida tráxica, que é unha persoa triste, e que, ademais, nos vai contando todos aqueles detalles que el considera máis importantes durante a súa adolescencia, e que neste caso se corresponde coa sexualidade.

Henry Chinaski introdúcenos na vida do propio autor, unha persoa marcada por unha educación na que faltaba o cariño e sobraban as labazadas e por unha sociedade inmersa nunha situación crítica na que o único que importaban eran as apariencias. Todo isto fixo de Charles/Henry un home inseguro, depresivo e sen ambicións, para quen a única vía de escape foron os libros e o alcol; ademais, cando contaba con arredor de 13 anos, saíulle acne, aínda que a súa “era un verdadeiro espanto”. Este feito marcou de por vida o autor/personaxe do libro, pois alimentou esa inseguridade que o caracterizaba, facendo que se pechara máis en si mesmo (de feito tivo que deixar durante uns meses o primeiro curso de bacharelato debido ao tratamento ao que se someteu) e creando nel unha resignación e unha carraxe aínda maiores.

Vemos, pois, que Pan con xamón é, sobre todo, unha novela marcada polo desasosego, pola tristura e pola brutalidade, na cal o noso protagonista, Henry Chinaski, é capaz de producir no lector pena e desprezo, repulsión e compaixón... Unha conxugación de elementos que dificilmente se pode conseguir pero que neste caso Bukowski foi capaz de acadar da mellor forma posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario